Amplíase o certame escolar de podcasts en galego para favorecer a participación no confinamento

mércores, 8 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A segunda edición do Certame Escolar de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez vén de ser obxecto de cambios, debido ás circunstancias da situación actual do Estado de Alarma. Por este motivo, a organización decidiu ampliar o prazo de presentación de arquivos de radio online orixinais ata o mes de setembro de 2020, ampliando o radio de acción dunha iniciativa que atesoura en si mesma moitas vantaxes para mitigar con lecer e creatividade as consecuencias do COVID-19.
Polo tanto, o que non cambia son os obxectivos do certame, máis ben fortalécense ante o actual estado de reclusión das e dos potenciais participantes: “Cremos que no estado de confinamento a participación nesta actividade pode ser un exercicio pedagóxico moi útil para fomentar o uso do galego e a creatividade, así como o coñecemento e a divulgación do noso patrimonio literario, material e inmaterial entre o alumnado de Galicia e Portugal”, informan as entidades organizadoras, que non son outras que o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e o colectivo Ponte nas Ondas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e doutras entidades como o Museo do Pobo Galego, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a EASD Mestre Mateo, a Radio Galega, a Real Academia Galega, a Fundación Antonio Fraguas e o Parlamento de Galicia.
Características do certame
Poderá concorrer a estes premios o alumnado de 11 a 18 anos dos centros de ensino de Primaria (de 6º curso) e doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar o alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.
Presentaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados co patrimonio literario de Galicia e Portugal e coas súas figuras relevantes, tales como o autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano, o escritor e intelectual ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Os podcasts irán acompañados do texto que serviu de base para a súa elaboración.

PUBLICIDADE