Amplíase até o 15 de decembro o prazo para solicitar os bonos dixitais para colectivos vulnerábeis

martes, 7 de novembro do 2023 S. P.

Dende o Diario Oficial de Galicia (DOG) anunciaba a Xunta este martes 7 de novembro a ampliación do prazo de solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerábeis do programa estatal Único. O prazo rematará o 15 de decembro de 2023, un mes máis do previsto inicialmente co fin de facilitar o acceso ao bono a todas as persoas interesadas.
Con esta proposta quérese facilitar a persoas ou familias vulnerábeis a contratación ou mellora da conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de até 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de até 12 meses cun máximo de 240 euros.
Engadir que esta é a segunda convocatoria dos bonos dixitais. Publicada no DOG o pasado 18 de xullo de 2023, e conta cun orzamento de 1,34 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea. A previsión é acadar nesta segunda convocatoria arredor de 5.600 beneficiarios.
Subliñar que as ditas axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a internet e cuxa renda anual (per cápita) sexa inferior ao 125% do IPREM no caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia), do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou risco de exclusión social.
O bono social forma parte das iniciativas predefinidas polo Goberno de España no marco do programa estatal Único, que compromete ao Estado a acadar o obxectivo europeo de que o 100% da poboación teña acceso a servizos de banda larga de polo menos 100 Mbps en 2025.

PUBLICIDADE