Amplíase ao 7 de abril o prazo para presentarmos propostas ás XII Xornadas Libres do GPUL

venres, 5 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

A edición 2011 dos encontros noutra imaxe de Txenoo

Segue en proceso de adhesión de novos participantes, relatorios e asistentes a nova entrega (a número doce), dos encontros de cultura e tecnoloxía en aberto do Grupo galego de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL). Falamos das XII Xornadas Libres do GPUL, que se celebran entre o 22 de abril e o 26 do mesmo mes na Facultade de Informática da Coruña e que, como dixemos, están a día de hoxe en proceso de enriquecemento do seu programa de actividades (conferencias, concursos e obradoiros con contidos do máis variado, pero sempre xirando arredor da tecnoloxía e o coñecemento sen atrancos). A este respecto, cómpre sinalar que a data de remate para a recepción de propostas vénse de ampliar até este 7 de abril, ás 20.00 horas.
Como dixemos os días pasados, a nova edición destas xuntanzas será unha proba máis de que o open source non é só un tipo de tecnoloxía, é tamén un xeito de traballar e unha filosofía de vida aplicábel a todo. Neste caso concreto, aplicábel ao formato tradicional dunhas xornadas de divulgación e reflexión, que serán (as do GPUL) como software libre cobrando vida. Indo ao miolo do asunto, dicir que teremos a oportunidade de asistir a conferencias, obradoiros e concursos “con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo da cultura libre”.
Ou sexa, xirando arredor do software libre, hardware libre, estándares abertos, licencias, propiedade intelectual e un amplo etcétera de cousas. Sobre o fornecemento de iniciativas particulares a tratar durante as xornadas, a organización sinala que deberán ser enviadas a través da plataforma creada para tal fin, sendo preciso rexistro previo e cubrindo correctamente o respectivo formulario web.

PUBLICIDADE