Ampla presenza de innovación TIC nas firmas impulsadas dende ViaGalicia Norte

luns, 7 de novembro do 2016 Redacción

Esta fin de semana comezaron finalmente as sesións académicas de ViaGalicia Norte, edición 2016. Lévanse a cabo na sede da Fundación CEL Iniciativas por Lugo, impulsadas pola Zona Franca de Vigo, a Xunta e máis a propia entidade lucense. Nesta fase de “academia”, os promotores dos proxectos seleccionados participarán en sesións formativas, até o mes de xaneiro, a través das que madurarán cadanseus modelos de negocio “na procura do éxito empresarial”. Tamén haberá titorías de tipo personalizado para impulsar a maduración das iniciativas. Nesta fase están a concorrer preto de dúas ducias de firmas innovadoras, boa parte delas pertencentes aos sectores máis avanzados das novas tecnoloxías da información.
As dúas primeiras sesións (as desta fin de semana) centráronse en cousas como Lean Startup ou Canvas e, en xeral, das diferentes metodoloxías actuais para converter en ideas en realidades empresariais. No marco das actividades inclúese un encontro vindeiro por Skype con José Antonio Borge, director executivo de datasurfhouse.com.
Segundo informa a Fundación CEL, nas vindeiras semanas haberá seminarios, obradoiros e sesións sobre comunicación e encontros con investidores, formación do equipo dunha startup, xestión de clientes ou captación dixital e presencial de usuarios.
Os proxectos que foron seleccionados e están a participar nesta fase de academia na sede norte (sita na Fundación CEL) son:
· 3edata Enxeñaría Ambiental. Empresa de base tecnolóxica que ofrece servizos de análises de información territorial obtida mediante avións pilotados de forma remota. Proxecto seleccionado na área aeroespacial, que se incorpora por primeira vez a ViaGalicia.
· Alén (Inspirational Clothing). Marca de moda feminina que utiliza tecidos 100% ecolóxicos (e rexenerados) mediante procesos de fabricación sustentábeis.
· Betopfit. Rede social para coidarse practicando deporte, facilitando rutinas para a consecución de obxectivos persoais e o contacto con “xente fit”.
· Cáñamo Galego. Proxecto alimentario de produtos innovadores baseados en cáñamo, dirixido ao crecente mercado de súper alimentos nacional e internacional.
· Cogomelo Games, Proxecto de lecer dixital para plataformas móbiles.
· Filament2print (F2P). Comercio electrónico especializado na venda de materiais para impresión 3D.
· FittingPUP. Plataforma web de cuantificación deportiva e de actividade física para mascotas.
· IntelligentChef. Plataforma que emprega robótica e dixitalización avanzada para automatizar e optimizar cociñas profesionais.
· Kekotukos. Firma orientada á creación de videoxogos educativos para dispositivos móbiles que se adaptan aos nenos e complementan o seu desenvolvemento.
· LoCoPLC (Low Cost Programmable Logic Controller). Proxecto para dar forma a un cartón alcanzábel de automatización industrial que facilita a adaptación á Industria 4.0.
· LoopTronic. Habilitador dixital para optimizar os consumos enerxéticos e o mantemento das liñas de produción na industria 4.0.
· MAUmarela, aprendizaxe e creatividade. Servizos educativos innovadores elaborados desde distintas áreas profesionais dirixidos a familias e institucións.
· PetiteCandela. Iniciativa innovadora que integra tres proxectos: plataforma innovadora de comunidade e blogs; servizos de decoración online (aplicación móbil) e tenda dixital.
· Plan a Plan. Axenda de lecer social creada por e para individuos dun mesmo lugar que comparten intereses e afeccións.
· Prefapp. Plataforma dirixida a PEME que facilita o despregue de servizos de IT en provedores da nube, permitindo a itinerancia entre eles.
· Recovery Blood. Máquina que revaloriza o sangue das industrias cárnicas transformándoa en fariña de sangue. Emprega unha tecnoloxía nova baixo patente.
· Scipex. Sistema de fabricación industrial 4.0 de edificios formados por pezas arquitectónicas conectábeis, desconectábeis e reemprazábeis.
· Tolemias. Produción e distribución de contidos musicais en directo a través de subscrición sobre unha plataforma dixital propia.
· Wapping Rede Intelixente de Servizos Com. Plataforma tecnolóxica universal de servizos de mantemento no tempo de clientes e mercadotecnia comercial para calquera negocio, independentemente do seu tamaño.
· Wecoplan. Buscador de servizos de viaxe xestionados de forma responsábel para persoas interesadas nun modo de vida saudábel e sustentábel.
· Youin. Ferramenta de xestión de eventos e venda de entradas.
Seguinte fase
Rematada a academia e xa metidos en 2017, dos 43 proxectos que entre Lugo e Vigo están nesta fase seleccionaranse os 18 que accederán á fase final de aceleración de ViaGalicia, que inclúe financiamento (até 130.000 euros para os proxectos da sede norte) e apoio e seguimento durante varios meses.

PUBLICIDADE