Ampla participación galega na cuarta edición do foro europeo Transfiere

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Fernando Sarasketa

A cuarta edición de Transfiere, o Foro Europeo para a Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, vai ter ampla presenza galega. A cita, que se vai desenvolver en Málaga entre os días 11 e 12 de febreiro, contará entre os seus promotores co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e entre as entidades que van participar (amosando a través de xeiras de networking as súas investigacións) coas tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo) e máis co Instituto Tecnolóxico de Galicia, entre outros organismos e entidades. En total, procedentes de todos os recantos do Estado, participarán un total de 45 plataformas tecnolóxicas. Segundo informa a organización do evento, estamos ante a cita estatal de referencia en materia de transferencia tecnolóxica e investigación.
Haberá reunións de traballo, conferencias, obradoiros e espazos de networking. Ademais, estarán representados todos os sectores produtivos: novas tecnoloxías da información, agroalimentario, enerxía, industria, infraestrutura e transportes, medio ambiente, sanidade, administracións públicas e, por primeira vez, o sector aeronáutico e aeroespacial.
“A través da súa presenza en Transfiere 2015”, informan os responsábeis directos do evento (Concello de Málaga, Palacio de Congresos e Exposicións de Málaga) o foro aglutinará “toda a demanda de tecnoloxía e innovación dos diferentes sectores, polo que constitúe unha ferramenta única para investigadores e empresas”. A idea, a maiores, é acadar obxectivos e repercusión máis aló dos devanditos dous días de celebración. Ou sexa, que o que se pretende é lograr “unha vixencia permanente”. De feito, a través do seu comité debátense e avalíanse de continuo (antes e despois da celebración do foro) as tendencias da innovación en España, que despois acaban por reflectirse en detalle nos contidos do evento.
Segundo informa a organización, a internacionalización terá un papel salientábel Transfiere 2015, buscándose con isto “atraer a entidades doutros países e fomentar así contacto e traballo con empresas nacionais para explorar as oportunidades que brinda o mercado internacional”. Desta maneira, o foro conta co apoio da Rede Enterprise Europe Network e o seu nodo en Andalucía, a Rede CSEAND, que ten como finalidade atraer a empresas procedentes de Europa e doutros continentes nos que ten presenza.
Outro dos piares desta cuarta edición será o emprendemento. Con isto, búscase aumentar a concorrencia de PEME innovadoras tanto do ámbito estatal como do ámbito europeo. Para acadar o mercado internacional das pequenas e medianas empresas traballarase a través da plataforma Eur opean Business & Innovation Centres Network (EBN).

PUBLICIDADE