Amparo Alonso recibe o Premio María Josefa Wonenburger Planells 2020

martes, 29 de decembro do 2020 Redacción

Na xornada de onte celebrouse o acto de entrega do Premio María Josefa Wonenburger Planells 2020, que recibiu a enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial, Amparo Alonso, ante a presenza do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
Durante a súa intervención, María Jesús Lorenzana destacou a aposta da Xunta para fomentar as vocacións STEM –ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas- entre as nenas e as mozas co obxectivo de eliminar a fenda de xénero que persiste nestes estudos. Nesta liña, indicou a necesidade de integrar a perspectiva de xénero na educación, tanto para acadar a igualdade entre mulleres e homes como para inspirar a participación das nenas e mozas na ciencia, a tecnoloxía ou a innovación.
O Goberno galego conta con varias iniciativas destinadas a pechar a fenda de xénero nestes estudos como o proxecto Nin+, Nin-, Iguais, que favorece o encontro do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria con mulleres senlleiras líderes nos seus respectivos sectores para que teñan referentes femininos en ámbitos laborais onde a día de hoxe non hai paridade de xénero. Esta iniciativa chegou o ano pasado a máis de 1.500 alumnos de 13 centros educativos, que participaron en charlas de 8 mulleres referentes galegas, entre elas 3 Premios Wonenburger.
A conselleira de Emprego e Igualdade sinalou que é preciso levar a cabo proxectos deste tipo dirixidos a visibilizar e facer chegar á sociedade as contribucións das mulleres galegas referentes na ciencia e na tecnoloxía que se adiantaron ao seu tempo abrindo camiño a moitas outras, e polas que foron merecedoras deste premio que concede a Xunta e que nesta edición recibiu Amparo Alonso.
O Goberno galego, a través da Unidade de Muller e Ciencia, outorga anualmente desde 2007 este galardón que recoñece o traballo das mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo da ciencia ou a tecnoloxía. O Premio leva precisamente o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e unha científica adiantada ao seu tempo.

PUBLICIDADE