Amosan como é GrayKey, o desbloqueador de iPhone

venres, 16 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Hai uns días desvelouse a existencia dunha empresa norteamericana que comercializaba unha solución relativamente económica para desbloquear teléfonos iPhone sen coñecer o seu PIN, pensando no seu uso por forzas de seguridade en labores de informática forense, pero dende Malwarebytes van un paso máis aló e decidiron compartir máis detalles sobre GrayKey, produto que consideran que resultará de grande utilidade para as forzas da orde, pero que tamén supón un grande risco para os usuarios, xa que deixa a seguridade dos seus dispositivos en mans de compañías que lle resultan totalmente alleas.
O dispositivo comentado resultaría bastante compacto (mide uns 10 x 10 x 5 centímetros) e contaría con 2 cables lightning na súa parte frontal de xeito que permitiría a conexión de 2 teléfonos á vez. Os teléfonos terían que conectarse un par de minutos ao trebello e logo, nun tempo que iría entre as 2 horas e os 3 días, aparecería na pantalla dos teléfonos o seu respectivo PIN para o seu bloqueo.
Unha vez desbloqueado o dispositivo os contidos completos do seu sistema de ficheiros descárgase ao dispositivo GrayKey, facilitando acto seguido o seu acceso vía web dende un ordenador conectado. Os contidos desencriptados do chaveiro do teléfono tamén estarían dispoñibles para a súa descarga.
Temos así unha ferramenta de grande valor para a peritaxe informática, pero que en malas mans podería ser moi perigosa, xa que nos teléfonos gardamos moitísima información susceptible de venderse no mercado negro. Tamén é preocupante que o dispositivo consegue desprotexer dalgún xeito o acceso ao smartphone, sendo polo momento descoñecido o método empregado, o que é preocupante, xa que a existencia dun fallo de seguridade sen corrixir pode ser explotado de moitos xeitos que poderían no ser percibidos polo usuario, con graves consecuencias para el.

PUBLICIDADE