Amosados en Vigo recursos dixitais para comprobar cómo nos acae a roupa sen necesidade de probala

mércores, 28 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Das ligazóns cada vez máis estreitas entre o noso sector téxtil e o das novas tecnoloxías da información xa temos falado nesta mesma web. Con todo, a relación semella que segue cara a diante, tal e como se reflictiu os días pasados en Vigo, no marco dunha xornada que xuntou nun mesmo escenario a representantes do eido da moda procedentes de ámbalas dúas beiras do Miño. Máis polo miúdo, o encontro consistiu nunha xornada de traballo onde se expuxeron as vantaxes para este tecido produtivo (moi relevante na nosa terra) dos recursos tecnolóxicos da información, tipo identificacións RFID ou Magic Mirror. Sobre a primeira destas achegas, os especialistas reunidos en Vigo (no edificio Texvigo) desenvolveron unha demostración real da súas principais aplicacións para o sector: identificación, xestión e trazabilidade das prendas dende a produción até o punto de venda.
Polo que respecta á liña Magic Mirror, incidiuse na súa combinación coas RFID e cun software específico e de cómo esta mestura pode permitirlles aos consumidores ver todos os produtos dispoñibles nas tendas e comprobar cómo lle acae a prenda sen necesidade de probala, “incluso suxeríndolle o sistema posibles combinacións de produtos”, sinalouse.
A xornada, que serviu para afondar tamén nos beneficios das novas ferramentas para a xestión e distribución, contou coa presenza de Alberto Rocha, secretario xeral da Asociación de Industrias de Punto e Confección, e Paulo Vaz, director geral de ATP (Associação Têxtil e Vestuário de Portugal).
Na organización do encontro, inserido no marco de colaboración da alianza galego-portuguesa Euroclus Tex, estivo COINTENGA (Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia) e CITVE (Centro Tecnolóxico do Téxtil Portugués).

PUBLICIDADE