Amoeiro pon en marcha un polígono empresarial virtual

luns, 18 de novembro do 2013 Redacción

A carreira dos concellos galegos cara a obxectivos como eAdministración ou a plena integración dos seus habitantes e empresas na Sociedade do Coñecemento, é unha carreira desigual. Ou sexa, que algúns van en cabeza e outros moi atrás, o groso nunha zona intermedia. O lóxico é pensar que os que levan máis vantaxe son os urbanos, as grandes cidades e as vilas con longa tradición industrial. Porén, estes días soubemos dun proxecto que situaría en cabeza a un concello que non cumpre con estas características. Falamos de Amoeiro, do que xa temos falado con motivo dun proxecto que nos gustara moito no seu día: o proxecto redactado por Antonio Manuel Estévez Prieto consistente no aproveitamento da forza da auga para producir electricidade e alumear o patrimonio local e facer funcionar sistemas de vixilancia (cámaras web) neste patrimonio.
O proxecto, lembraremos, gañara no seu día o premio Desenvolvemento Sostible do Medio Rural convocado por Tragsa. Ben, a iniciativa na que traballa agora Amoeiro é diferente, aínda que tamén é tecnolóxica. Segundo puidemos saber, trátase da posta en marcha do que probabelmente sexa o primeiro polígono virtual de Galicia, unha proposta lanzada polo Concello en colaboración coa empresa Ciolet System e a Corporación Eurogalega de Negocios. A iniciativa, que xa está en activo, consiste (entre outras cousas) en achegarlles aos empresarios cousas como asesoramento de todo tipo, nunha primeira fase, e máis adiante un acubillo para o domicilio fiscal das súas empresas, onde poderán tirar proveito de servizos como aloxamento web, rede ou mantemento por só dez euros ao mes. O proxecto xa ten empresas, arredor de dúas ducias a día de hoxe, e a previsión é contar cun cento antes de que remate o ano. O Concello, segundo fixo saber a Praza.com, quere converter Ameiro nun lugar que xunte tradición e tecnoloxía, chegando a ser “o primeiro concello 2.0 de Galicia”. E prosegue: “O que queremos é atraer xente e ofertas servizos a prezos mínimos”.

PUBLICIDADE