Amigus pon a disposición da rapazada un campamento tecnolóxico e científico

mércores, 7 de xullo do 2021 S. P.

A Asociación Amigus, con sede nas Pontes, organiza unha nova actividade argalleira dos Amigus Labs. Trátase, en concreto, dun campamento sobre tecnoloxía e ciencia para familiarizar á rapazada coa programación, a robótica, a Intelixencia Artificial e todas as tecnoloxías disruptivas que transforman (e transformarán) o mundo tal e como o coñecemos. Organízase en colaboración con Ciencia Kids e a Deputación da Coruña.
O campamento de Amigus dsenvolverase do 2 ao 6 de agosto no Lar de Endesa de As Pontes en horario de 9:00 a 14:00. Está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, e ten un prezo de inscrición de 50 €.
No campamento de ciencia e tecnoloxía os rapaces realizarán obradoiros de robótica, impresión 3D, enxeñaría, experimentos de química, física, botánica, bioloxía e ciencia na cociña.
Haberá obradoiros participativos, divertidos e innovadores adaptados á dita franxa deidade. Coa realización destes talleres de ciencia, explican dende Amigus, “búscase proporcionar á xente nova unha base dun pensamento lóxico dedutivo, desenvolvendo iniciativas que espertan o interese pola ciencia e a investigación e favorecendo deste xeito o progreso da nosa sociedade”. Asemade, porase o foco nas vantaxes de traballar en equipo, na elaboración de hipótese e na experimentación con materiais, para despois desenvolver pensamentos que boten á luz o que sucede e así reflexionar sobre os resultados.

PUBLICIDADE