Amigus formou a mozas e mozos en robótica, drones e impresión 3D

luns, 31 de xullo do 2017 Redacción

A Asociación Informática Amigus desenvolveu este sábado 29 unha nova edición dos Amigus Labs, un obradoiro de traballo compartido e experimentación arredor das tecnoloxías máis puxantes que, desta volta, tivo como fíos temáticos a arte e a creación dixital. Máis polo miúdo, abordáronse os aspectos teóricos e (sobre todo) as cuestións prácticas das impresoras 3D, a dixitalización en tres dimensións de obxectos e persoas, a realidade virtual, a robótica e a electrónica con Arduino e Raspberry Pi, o audio dixital, os drones e os videoxogos. Contouse coa colaboración co Grupo de Empresa, Nodo Dixital, Non Ping, Nauta, Xescourido e o Concello das Pontes. A cita foi no Lar de Endesa, nas Pontes.
Segundo nos contan os organizadores da xornada, unha ducia de participantes tivo oportunidade de crear a cifra nada desprezábel de cinco scornabots, á que vez gozaron aprendendo nocións básicas de electrónica analóxica, sobre o manexo dos soldadores de estaño e sobre a programación con Arduino. Por certo que os aparellos scornabots creados no Amigus Labs terán máis vida alén da cita do 29, xa que viaxarán até os Obradoiros de conciliación en inglés, organizados por You Can School of English e mailo Concello das Pontes, nos que serán parte activa dos obradoiros de robótica que se celebran durante o mes de agosto.
Volvendo ao encontro do sábado, sinalar que durante toda a xornada explicouse perante os asistentes o funcionamento dos proxectos que se están a realizar dentro de Amigus Labs, desde drones impresos en 3D e proxectos de realidade virtual até paneis LED controlados por computador, impresoras 3D, así como as máquinas arcade. Amais dos contidos teóricos, tamén se fixo todo o posíbel por poñer aos participantes “mans á obra”. Así, tralo paso polos simuladores de radio control, puideron poñerse aos mandos dos drones, comezando a controlar as operacións de voo.
Polo que respecta á zona de audio dixital, tiveron ocasión de probar as posibilidades que o controlador de Ableton Push 2 permite á hora de producir proxectos de audio coa ferramenta Live. Ademais, configuráronse varias Rapsberry Pi co sistema operativo Kano, para que os máis pequenos puideran construír o seu propio computador, en palabras da organización, “unha máquina completamente funcional, por menos de 40€, ateigada de ferramentas como Scratch, Minecraft, navegador web, correo, suite office e unha chea de aplicacións para empezar a crear desde o primeiro momento”.
O encontro, segundo conclúen dende Amigus, “serviu para que maiores e pequenos gozáramos dunha xornada onde todos aprendemos co uso das ferramentas que as novas tecnoloxías poñen á nosa disposición, e onde todos quedamos con ganas de repetir a experiencia de novo moi pronto”.

PUBLICIDADE