Ames lanza unha campaña de captación de usuarios para o novo centro coworking A Proa

venres, 21 de maio do 2021 S. P.

O Concello de Ames iniciou estes días unha campaña para captar usuarias e usuarios do centro de coworking impulsado polo Goberno local e a Deputación da Coruña, integrado na Rede de Traballo Colaborativo da entidade provincial. O centro de Ames coñécese como A Proa e está emprazado á entrada do Polígono de Novo Milladoiro, nunhas modernas e rechamantes instalacións recentemente acondicionadas e que saúdan aos visitantes coa súa feitura de barco. Entroncando con este concepto, o centro quere ser un espazo de traballo para proxectos e emprendementos de vangarda, innovadores e creativos.
Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, acompañados de varios técnicos municipais, visitaron as instalacións. Segundo fixeron saber, na actualidade estanse a realizar os últimos traballos de acondicionamento do local relativos á instalación da rede para dispor de conexión á Internet. Ademais, está pendente de elaborar e aprobar a ordenanza e regulamento do coworking para a súa posta en marcha. Porén, as persoas que estean interesadas en optar a ter un posto neste espazo poden entrar na web de A Proa para deixar os seus datos.
O Concello confirmou que tamén se está a traballar na elaboración dunha aplicación móbil para a xestión e control de acceso.
Os representantes do Goberno local engadiron que “despois de varios meses de xestións e traballo por parte dos departamento municipais do Concello de Ames, este espazo colaborativo de traballo xa está máis preto de abrir as súas portas”. O local xa dispón de mobiliario e na actualidade estase dotando de cableado para que todos os postos dispoñan de acceso á Internet.
Trátase dun espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual e tecnolóxico.
A iniciativa vén da man do Concello de Ames e a Deputación da Coruña, que asinaron no seu día un convenio, a través do cal a Administración provincial financiou algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.
O espazo dispón dunha superficie de 400 metros cadrados e contará con servizo de acceso á Internet, reprografía, e un servizo de asesoramento personalizado e mentoring. Dispón dun espazo común con 36 postos de traballo e tres postos en despachos independentes. Se os postos fixos non se ocupan todos, haberá postos eventuais que se poderán empregar días concretos para facer xuntanzas ou para acudir ao coworking en días soltos durante a semana.
Ademais, dispón dunha sala de reunións multimedia e para impartir formación; unha zona de recepción; unha zona de espera. Ademais dispón de armarios, escritorios para traballo individual e colectivo e unha zona de descanso para lunch ou café.

PUBLICIDADE