Ames e Tecalis exporán en Innpulso un proxecto de identificación de avatares nas cidades do Metaverso

xoves, 13 de outubro do 2022 S. P.

Este venres, 14 de outubro, o Concello de Ames e maila empresa local do sector da tecnoloxía, Tecalis, con sede no Polígono de Milladoiro, van participar en Valencia na sexta edición de Innpulso Emprende. Trátase do evento máis significativo da Rede Innpulso, cuxa finalidade principal é “facilitar o encontro entre responsábeis municipais e o tecido emprendedor, á vez que se premian as iniciativas máis innovadoras dos distintos municipios”. Acudirán o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, e maila directora de asuntos corporativos e gobernanza, Berta Caro.
O encontro, promovido pola Rede Innpulso e o Ministerio de Ciencia e Innovación, celebrarase no espazo Veles e Vents, na Mariña de Valencia, e conta neste caso coa colaboración do Concello de Valencia, o centro de innovación Las Naves e Valencia Activa.
Innpulso Emprende reúne anualmente a alcaldes e alcaldesas das cidades pertencentes á Rede Innpulso coas pemes, micropemes e startups máis innovadoras que foron seleccionadas por cada unha das cidades. O evento constará de tres bloques de presentacións nos que as empresas, acompañadas polo alcalde ou a alcaldesa do seu municipio, deberán defender o seu proxecto nun prazo de tempo reducido. Entregaranse dous premios, un deles será para o proxecto máis innovador no ámbito da innovación social, e o outro será para o proxecto máis disruptivo no ámbito da innovación tecnolóxica. Ademais, haberá unha mención especial para a empresa máis influencer, ou sexa, aquela que xerase maior tráfico e interacción en redes sociais.
Como complemento ao evento, as empresas participantes en Innpulso Emprende terán tamén a oportunidade de participar no VLC Startup Market, escaparate para empresas innovadoras e tecnolóxicas que, promovido por Valencia Activa, celebrarase ao longo de toda a fin de semana nas rúas da cidade.
Avatar Identity Technology
Como dixemos, o Concello de Ames participará no evento xunto coa empresa local Tecalis. O director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, e mailo alcalde de Ames, Blas García, presentarán o proxecto Avatar Identity Technology. Trátase dun proxecto que está desenvolvendo dita empresa para identificar e verificar a identidade dos avatares nas cidades do Metaverso. O obxectivo é certificar calquera perfil dixital no universo virtual. Trátase dunha tecnoloxía pioneira no ámbito do Metaverso, a primeira das súas características. Segundo explican o Concello e Tecalis, a día de hoxe existen organismos a nivel mundial que están replicando no Metaverso as súas cidades para tentar mellorar os sistemas de transporte, resolver problemas de tráfico, xerar novos modelos de xeración de enerxía, mellorar o seu modelo urbanístico, etc. A Avatar Identity Technology permitirá dispor de perímetros organizados de seguridade no Metaverso.
O rexedor municipal, Blas García, destaca que “Ames, que forma parte da rede Innpulso desde o ano 2018, quere amosar a potencialidade do noso concello na materia das comunicacións e as tecnoloxías, no que contamos con varias empresas punteiras neste importante sector”.

PUBLICIDADE