Ames celebra cun coloquio, unha proxección e unha mostra o 20º aniversario de O bosque animado

xoves, 19 de maio do 2022 S. P.

O Concello de Ames conmemorará dende o martes 24 de maio o vixésimo aniversario da estrea da película de animación realizada pola produtora coruñesa Dygra Films, O bosque animado, a primeira longametraxe de animación integramente en 3D producida fóra dos Estados Unidos e en galego. Neste senso, o martes celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro un coloquio sobre a creación de películas de animación, para o alumnado da ESO dos IES de Ames; proxectarase o filme de balde, ás 18:00 horas; e inaugurarase a exposición interactiva, ás 20:00 horas, que poderá visitarse no centro sociocultural ata o 6 de xuño.
Estreada en 2001 e dobrada ao galego un ano despois, O bosque animado gañou dous premios Goya e foi a película española pioneira en ser preseleccionada para o premio Óscar á Mellor longametraxe de animación.
Segundo lembran fontes do Concello, esta longametraxe de animación “foi un fito tanto para o audiovisual galego como para a normalización lingüística do país, debido á gran repercusión da película como á súa pronta dobraxe ao galego”. Tamén destacou polos retos superados en materia de recursos: “Ao longo da produción, feita na súa totalidade na Coruña, foi necesario innovar en moitos ámbitos e formar ao equipo técnico, por mor da escaseza de profesionais formados en Galicia e practicamente en Europa no ámbito do 3D”.
Co fin de conmemorar a estrea da película, o Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverá dende o martes 24 de maio, unha serie de actividades de balde na Casa da Cultura do Milladoiro. Ese día, ás 12.30 horas, abrirase a xornada co obradoiro Así se fai unha película de animación, para o alumnado da ESO dos IES de Ames, no que se falará do proceso de creación deste tipo de filmes.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas celebrarase a proxección de O bosque animado, á que asistirá o director da película, Manolo Gómez. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. Deseguido, ás 20:.00 horas, inaugurarase a exposición interactiva sobre o filme, XX anos de O bosque animado, que xa percorreu España, Portugal e Francia. A mostra permanecerá na Casa da Cultura do Milladoiro ata o 6 de xuño, e será de acceso libre para todos os públicos.

PUBLICIDADE