Ames Radio emitiu durante a emerxencia sanitaria 220 gravacións a través do Facebook

luns, 22 de xuño do 2020 S. P.

A canle de Ames Radio vén de facer balance do acadado en materia de emisións de arquivos online durante o Estado de Alarma, ao tempo que achegou a previsión das súas vindeiras actividades. Segundo fixo saber, dende a posta en marcha da súa canle en Facebook a primeiros de abril, Ames Radio emitiu preto de 220 gravacións e chegou a alcanzar 28.000 visualizacións de vídeos á semana.
O 6 de abril púñase en marcha Ames Radio en Facebook, unha canle coa que a radio municipal supliu o contacto diario coa veciñanza namentres durou o estado de alarma. En apenas dúas semanas Ames Radio en Facebook acadaba o milleiro de seareiros e moitas das historias que presentou chegaron a ter alcances de máis de tres mil persoas e a seren compartidoa en ocasións até un cento de veces.
A cidadanía de Ames colaborou coa canle online da radio dende o primeiro intre, enviando vídeos onde contaban a súa experiencia no confinamento e máis tarde nas fases de desescalada. Os aplausos das oito, o apoio aos sanitarios, a solidariedade, a teledocencia, o comercio, a sanidade, a familia, o deporte na casa, o humor e, por suposto, a cultura como ferramenta anti-COVID foron algúns dos temas cos que a veciñanza se asomou a esta canle de comunicación virtual.
Respecto da súa vindeira etapa, malia o levantamento do Estado de Alarma, a canle de Ames Radio en Facebook seguirá compartindo todos aqueles vídeos que lle envíe a cidadanía e emitirá podcast dalgunhas das entrevistas que se realicen na radio. Ao mesmo tempo, a emisora volve á súa canle analóxica habitual que é o 107.2 da FM.
Segundo fixeron saber os seus responsábeis, coa reapertura da radio municipal e a incorporación de todo o equipo de comunicación ao seu posto de traballo, Ames Radio en Facebook pasa a ocupar un plano de apoio ás emisións regulares da emisora.
As persoas que queiran colaborar e contar as súas historias, tanto a través da radio como da canle de Facebook, poden poñerse en contacto co servizo a través do enderezo electrónico radio@concellodeames.gal e do WhatsApp 662 377 413.

PUBLICIDADE