Amelia Verdejo inicia no CiTIUS as celebracións da USC das mulleres tecnólogas

luns, 10 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Os Campus de Santiago e Lugo conmemoran este 11 de febreiro o Día da Muller e da Nena na Ciencia. O obxectivo das actividades é impulsar a visibilidade das científicas (V Xornada Mulleres na Ciencia, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela a partir das 16.00 horas), así como o empredemento feminino (a II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía que se celebra a partir das 12.00 na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, cunha mesa redonda redonda sobre as importantes contribucións femininas ao mercado científico-tecnolóxico).
Amais, o CiTIUS acolleu hoxe unha xornada de Amelia Verdejo, moi concorrida, que xirou arredor das grandes tecnólogas da historia: a longa listaxe de mulleres que contribuíron a crear as novas ferramentas tal e como as coñecemos. A cita con Verdejo marcou o punto de partida as actividades conmemorativas das mozas e das mulleres tecnológas e científicas. Quen queira recuperala e vela, pode facelo a través de YouTube.

Outras actividades

· Unha clase maxistral de física de partículas, impulsada polo IGFAE, que se estenderá entre as 9.30 e as 17.00 horas, na Facultade de Física, nutre tamén o programa de actividades deseñado dende a USC para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia este 11 de febreiro.
· O CiMUS acollerá, pola súa banda, a mesa redonda Muller de ciencia, a partir das 10.00 horas; mentres que a Facultade de Química tentará responder á cuestión Existe a igualdade de xénero na ciencia?, a través doutra mesa redonda que dará comezo ás 17.00 horas.
·Finalmente a obra teatral Foto 51 e a mesa redonda Muller e ciencia terán lugar ás 20.00 horas na aula magna da Facultade de Bioloxía. Esta iniciativa está organizada polo propio centro e os grupos de investigación de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural (GEMAP) e de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal (ECOTOX) da USC.

Ao longo do mes

· O vestíbulo do CiMUS acolle o 12 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a iniciativa Superciencias. O futuro é un xogo de nenas, en colaboración coa Asociación española contra o cancro.
· A conferencia Mujeres y ciencia: ¿la química funciona? a cargo de Marta Macho Stadler, desenvolverase o 19 de febreiro, ás 13.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Química.

Cita con Amelia Verdejo

A profesora Amelia Verdejo no seu relatorio sobre as grandes informáticas dos tempos pasados

O relatorio Ada Lovelace e as pioneiras informáticas a cargo da profesora universitaria (USC e UVigo) Amelia Verdejo Rodríguez, conformou este luns 10 pola mañá, no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o punto de partida para este programa de actividades. O relatorio foi un percorrido polos inicios da informática, poñendo de manifesto as importantes achegas de Ada Lovelace e de figuras fundamentais como Joan Clarke, quen descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus británico, ou o ENIAC estadounidense, que eran manexados totalmente por mulleres.
A relatora tamén nos levou da man polos fitos históricos de Dorothy Vaughan ou Grace Hopper, que desenvolveron as primeiras linguaxes de programación como o FORTRAM ou o COBOL; ou aos traballos da científica e actriz Hedy Lamarr, cuxos sistemas usáronse para protexer as comunicacións cos mísiles durante a Segunda Guerra mundial, que son a base da actual Wi-Fi; ou ás achegas de Evelyn Berezin, quen creou en 1953 o que é considerado o primeiro ordenador de oficina.
Sen todas estas tecnólogas, dixo a relatora, “moitos dos avances dos que hoxe desfrutamos quizais non se terían dado”.

PUBLICIDADE