Amazon vendeu o día de Nadal máis e-books que libros físicos

luns, 28 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Actualmente o Kindle 2 conta cun catálogo de máis de 230.000 librosAmazon deu a coñecer que o pasado 25 de decembro foi a primeira vez na historia na que esta tenda virtual vendeu máis libros electrónicos que en soporte físico, momento que marca un antes e un despois dentro da curta vida do Kindle, lector de libros electrónicos que durante estas datas sería o agasallo máis mercado en Amazon (en toda a historia da tenda), superando incluso aos iPod de Apple.
De todos os xeitos habería que destacar que estamos a falar dun momento moi puntual, xa que o día de Nadal moitos son os usuarios que recibiron un Kindle como agasallo, e resulta lóxico pensar que ese mesmo día sexa cando decidiron adquirir os seus libros favoritos para a súa lectura no dispositivo de Amazon, o que ocasionaría todo un record de descargas que dificilmente manterase nas vindeiras semanas.
Dende Amazon tamén destacan que actualmente o Kindle conta cun catálogo de 390.000 libros e os clientes que contan con un adquiriron máis e-books que libros en papel. De xeito xeral tamén mencionaron que o día de máis vendas nas últimas semanas foi o 14 de decembro con 9,5 millóns de elementos pedidos a nivel mundial e entre os produtos máis vendidos na campaña de Nadal serían o mencionado Kindle, o iPod Touch de 8 Gb e o navegador Garmin nuvi 260W; os móbiles Nokia 5800 XpressMusic e BlackBerry Bold 9700; os últimos discos de Susan Boyle, Andrea Bocelli e Michael Bublé; os xogos Wii Fit Plus, New Super Mario Bros e Modern Warfare 2; as películas Harry Potter y el Misterio del Príncipe, Star Trek e Up; os libros Going Rogue (Sarah Palin), The Lost Symbol (Dan Brown) e The Help (Kathryn Stockett); entre moitos outros produtos.

PUBLICIDADE