Amazon vendeu máis dun millón de dispositivos Kindle á semana durante este mes

xoves, 29 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O desembarco en España de Amazon e o seu Kindle aínda vén de acontecer, pero podería supor toda unha revolución se atendemos á boa marcha desta liña de produtos e servizos nos EE.UU., pois Amazon anunciou que estas festas foron as mellores na historia para a familia Kindle, coa venda de millóns tanto de tablets Kindle Fire como de eReaders Kindle. Tamén destacan o feito de que os e-books para Kindle que quedaron nos postos 1º e 4º de vendas corresponderon a autores que publicaron directamente para esta plataforma de distribución en liña.
Dende Amazon quixeron destacar distintos fitos marcados nestas datas como que durante o mes de decembro vendéronse máis dun millón de dispositivos Kindle cada semana; o Kindle Fire, Kindle Touch e Kindle normal ocuparon os 3 primeiros postos de vendas en Amazon; o Kindle Fire converteuse no produto máis regalado e desexado de todo Amazon.com; o Kindle tamén liderou as vendas nas tendas locais de Amazon en Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña e España; o pasado día de Nadal foi no que se descargaron máis e-books para Kindle da historia... e outros detalles que serven para ilustrar o feito de que Kindle está a ser un éxito innegable.
A compañía de Jeff Bezos tamén comunicou unha serie de curiosidades como que as copias vendidas en Amazon da biografía de Steve Jobs escrita por Walter Isaacson sumarían a altura do monte Everest ou que venderon tantas copias de Just Dance 3 como para entregar 15 copias a cada participante do record mundial de baile simultáneo.

PUBLICIDADE