Amazon repercutirá a taxa Google aos pequenos vendedores

venres, 22 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais, alcumado como taxa Google, busca adaptar a tributación aos novos modelos de negocio no ámbito dixital, ou sexa, que non se limita a Google, senón que tamén o terán que soportar empresas como Amazon, aínda que non do xeito que moitos desexarían, pois está a transcender que a empresa de Jeff Bezos non vai destinar parte dos seus beneficios para a nova taxa, senón que repercutiraa nos consumidores e nas empresas. De feito, estes días está a comunicar aos vendedores no seu marketplace que «a partir do 1 de abril de 2021 aumentaremos as tarifas por referencia nun 3% para os produtos vendidos en España para reflectir este imposto adicional». Non é preciso comentar que as pequenas e medianas empresas que venden a través de Amazon non son partidarias de ter que soportar un imposto pensado para compañías cunha facturación neta superior aos 750 millóns de euros.
Aínda que non sabemos exactamente o que acontecerá cos produtos que Amazon venda directamente aos seus usuarios, dan a entender que incrementarán os prezos para repercutir o imposto, de xeito que a nova taxa non afectaría aos resultados de Amazon de manter o seu nivel de vendas.

PUBLICIDADE