Amazon podería publicar un catálogo de xoguetes en papel para tomar o relevo de Toys’R’Us

xoves, 5 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Os catálogos de Nadal son unha ferramenta de mercadotecnia de grande eficacia que incluso podería adoptar o comercio electrónico

A semana pasada a cadea de tendas Toys’R’Us botou o peche nos EE.UU., tras non ser capaz de adaptarse aos cambios de hábitos de consumo, nos que a Rede xoga un papel moi relevante. Os peches tamén están a ter lugar no resto do mundo (incluíndo as tres tendas galegas), pero o curioso é que a situación está a crear un baleiro moi importante xa que, aínda que moitas das compras se pechen en liña, as canles físicas seguen a ter relevancia na toma de decisións de compra, e iso levou a unha información bastante rechamante: Amazon podería publicar un catálogo de xoguetes en papel o vindeiro Nadal.
O rol dos catálogos de xoguetes impresos é moi importante, xa que axuda ás familiar a decidir os agasallo de Nadal, de aí que sexa unha ferramenta na que unen forzas os diferentes axentes do sector xogueteiro, e aínda que continúen a editarse os catálogos de cadeas como Walmart e Target nos EE.UU. (do mesmo xeito que en España tamén ten un grande impacto o catálogo de xoguetes de El Corte Inglés), parece razoable que Amazon queira aproveitar este formato publicitario para achegarse aos fogares que aínda non fan a listaxe de agasallos diante da pantalla do ordenador ou do móbil. Polo momento non se sabe se esta publicación chegaría a ter tamén edicións fóra dos EE.UU. (o que semella bastante improbable, cando menos o vindeiro Nadal).

PUBLICIDADE