Amazon pide autorización para poder facer probas cos seus drons de reparto en EE.UU.

venres, 11 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Aínda que o proxecto Amazon Prime Air parecese un concepto de ciencia-ficción, dende a compañía de Jeff Bezos queren deixar claro que é unha das súas apostas de futuro, e Amazon solicitou ao organismo gobernamental norteamericano competente (a FAA) a autorización para poder iniciar as probas do seu sistema de drons de reparto nas súas propias instalacións, o que facilitaría o desenvolvemento desta tecnoloxía xa que actualmente para poder realizar probas con este tipo de dispositivos voadores é preciso desprazarse a un dos seis lugares de EE.UU. aprobados pola FAA para este tipo de experimentos.
Neste momento Amazon pretende iniciar as probas con drons capaces de voar a máis de 80 quilómetros por hora e cargar con máis de 2,27 quilogramos (o que cubriría o 86% dos produtos vendidos por Amazon), á vez que busca atraer a máis expertos nestas áreas (robótica, aeronáutica, sensorización...) entre os que xa contan cun antigo astronauta da NASA.
Actualmente existen limitacións para o uso de drons comerciais en case todo o mundo, e coa excepción solicitada Amazon pretende o aceleramento desta industria, para conseguir que poidamos ter dispositivos voadores non tripulados seguros o antes posible, para así poder tirar proveito das súas moitas posibilidades.

PUBLICIDADE