Amazon lanza nos EE.UU. a súa propia tenda de descargas de música

mércores, 26 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A tenda virtual máis grande do mundo, Amazon, continúa o seu espallamento na venda de descargas (xa vendía películas e series de televisión a través do seu servizo Unbox) e estrea Amazon MP3 Beta, que é unha tenda de descargas de música en formato MP3 que destacan por non contar con protección DRM e estar comprimidas a 256 Kbps, de xeito que entrega unha calidade máis que aceptable a prezos de entre 89 e 99 céntimos de dólar para cancións soltas e entre 4,99 e 9,99 dólares por álbum completo.
O novo servizo de Amazon ten así uns prezos máis competitivos que iTunes, aínda que polo momento conta cun catálogo máis limitado (o de EMI). Os usuarios poderán escoitar fragmentos de 30 segundos das cancións antes de descargalas e para a compra de temas é preciso instalar unha aplicación informática como tamén acontece coa tenda de Apple.
Como outros servizos deste tipo nos EE.UU., o seu lanzamento limítase ó territorio norteamericano, de xeito que en Europa aínda non se pode mercar nada nesta nova estrea de Amazon, non coñecéndose os detalles dunha posible expansión internacional.

PUBLICIDADE