Amazon lanza Zocalo, alternativa “segura e doada” para o almacenamento e o intercambio de información

venres, 11 de xullo do 2014 Redacción

Amazon Web Services (división de ferramentas en liña de Amazon) vén de pór en marcha un servizo na nube dirixido á almacenaxe e ao intercambio de información (documentos, follas de cálculo, presentacións, páxinas web, fotografías, arquivos PDF ou de texto) en condicións “seguras e de sólido control administrativo”, segundo apunta a multinacional. O servizo en cuestión chámase Zocalo, e presenta un “alto nivel de retroalimentación” para mellorar a produtividade do usuario. Con esta ferramenta, engaden os responsábeis do seu desenvolvemento, achégase un recurso cen por cen xestionado de almacenamento seguro empregábel dende o dispositivo que prefiramos.
A raizame deste desenvolvemento hai que buscala nunha demanda concreta: a necesidade de darmos coa solución máis axeitada, á par que sinxela e económica, en materia de xestión na nube de documentos e colaboración empresarial. O obxectivo de Amazon era achegar algo diametralmente oposto ao servizo máis recorrido nestes casos, o do correo electrónico, en palabras da empresa “unha elección desafortunada en moitos niveis empresariais” (a compañía sinala que é sinxelo enviar correos a través destas ferramentas, pero nin seguro nin doado mantelos organizados).
Polo tanto, engade Amazon, “Zocalo facilita que os usuarios compartan e reúnan información a través dunha ferramenta segura e central, botando man de calquera dispositivo, incluíndo portátil, iPad, Kindle Fire e tablets Android”. Asemade, conclúe, Zocalo ofrece ás administradores regras de intercambio flexíbeis, rexistros de auditoría, control da localización onde se almacenan os datos e un custe de uso (“unha pequena cota mensual”) que nos abre a porta a “un servizo completamente xestionado para que os clientes poidan ofertar aos seus usuarios capacidade de almacenamento e de intercambio de arquivos seguros”.

PUBLICIDADE