Amazon faise coa española BuyVIP

luns, 4 de outubro do 2010 Marcus Fernández

A semana pasada circulaba información que apuntaba ao interese do xigante de comercio electrónico Amazon en adquirir a tenda española de compra privada BuyVIP, é durante a xornada de hoxe confirmouse a operación, de xeito que esta semana podería anunciarse formalmente a compra de BuyVIP por uns 70 millóns de euros.
Os servizos coma BuyVIP fixéronse moi populares nos últimos anos, por ofrecer produtos en liquidación a unha elite de clientes seleccionados por invitación para envolver este negocio cun halo de exclusividade cada vez máis difícil de manter, pois actualmente están a ter un volume de negocio realmente importante, estimándose que BuyVIP pechará o ano cunha facturación de 140 millóns de euros.
A operación suporá a entrada de Amazon nunha nova liña de negocio, á vez que mellora a súa presenza internacional (BuyVIP opera actualmente en España, Austria, Italia, Portugal, Holanda, Polonia e Alemaña) e moitos queren ler nesta adquisición o preámbulo da posta en funcionamento de Amazon.es, pois esta tenda en liña xa conta con tendas locais en Reino Unido, Francia e Alemaña.

PUBLICIDADE