Amazon está en negociacións para montar unha biblioteca electrónica de pagamento

luns, 12 de setembro do 2011 Marcus Fernández

As páxinas do The Wall Street Journal recollen que Amazon está en conversas con varios editores de libros para lanzar un servizo de pagamento de libros electrónicos que permitiría o acceso a un completo catálogo de contidos por unha cota anual, co que buscarían emular o éxito de plataformas como Netflix que fan o mesmo con películas e series de televisión (co que xa compite nos EE.UU. co servizo Amazon Prime, que ten un custo de 79 dólares/ano).
De feito, coméntase que a libraría de e-books de Amazon podería estar integrada en Amazon Prime, e que incluiría principalmente o acceso a libros de fondo editorial (ou sexa, que serían poucas as novidades presentes), con certas limitacións no número de libros que poden lerse de balde ao mes.
Dende as editoriais parecen amosar certas reticencias a este modelo de negocio, pois podería desvalorizar o seu sector (pese a que coméntase que Amazon pagaría unhas cantidades importantes ás compañías que se adherisen ao seu novo programa).

PUBLICIDADE