Amazon.es comeza a vender software e videoxogos en formato descargable

luns, 11 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A tenda en liña de Amazon en España estrea hoxe seccións con videoxogos e software en formato descargable, de xeito que tanto poden mercarse subscricións a aplicacións informáticas e a xogos en liña, moedas virtuais, códigos para a descarga de videoxogos, paquetes de expansión... ou sexa, que Amazon.es é unha porta máis para acceder a contidos dixitais.
Deste xeito é xa posible mercar en Amazon.es, sen soporte físico, subscricións a PlayStation Plus, Xbox LIVE, EA Access e outros servizos de subscrición, xogos como Red Dead Redemption 2, Anthem, Mario Kart 8 Deluxe, Splatoon 2 ou Resident Evil 2, moedas virtuais para Apex Legends ou Anthem, subscricións de 1 ano para as principais aplicacións de Adobe, o software ofimático de Microsoft ou as solucións de seguridade de Norton e McAfee, aínda que as vantaxes deste soporte de compra son moi discutibles, especialmente no que a prezos se refire, xa que de xeito xeral en soporte descargable o prezo de venda é o prezo máximo dispoñible nas plataformas en liña oficiais e na propia Amazon están dispoñibles case todos os produtos en formato físico a prezos bastante inferiores.

PUBLICIDADE