Amazon.com abre os seus servizos de distribución a vendedores de toda a Web

venres, 27 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Amazon.com, o servizo en liña de comercio electrónico, está a permitir a entrada en xogo de empresas “alleas” nas súas redes de centros de distribución para empaquetar e poñer no mercado os seus produtos, segundo fixo saber estes días Jeffrey P. Bezos, fundador da compañía con sede en Seattle e xefe executivo da mesma. A nova iniciativa (Fulfillment by Amazon), que xa está en marcha dende o pasado outono dirixiuse nun principio de xeito exclusivo a vendedores rexistrados en Amazon co fin de pórlles ó alcance da man máis de 20 espazos de distribución en todo o mundo para levar a cabo os treitos finais das súas operacións (empaquetado, transporte, etc).
Mais a cousa mudou co paso dos días, e semella que Amazon acabou por tomar partido (paseniño pero sen pausa) por un novo concepto máis aberto dos seus servizos, se cadra máis acorde coa nova orde de Internet e, se cadra tamén máis axeitado para procurar novos vieiros de negocio global até o de agora inexplorados (e inesperados).
Esa podería ser unha explicación para o feito de que o programa se abrise finalmente a distribuidores con produtos rexistrados en calquera curruncho da Web, mesmo nos espazos web dos rivais máis directos, por exemplo eBay (ou sexa, que agora podes mercar algo en eBay e descubrir que na porta da túa casa peta un mensaxeiro cunha caixa selada por Amazon). Por certo que en The New York Times a iniciativa motivou o seguinte apelativo: “Amazon 2.0”.
Sexa como sexa, cómpre non pensar nunha operación altruísta da compañía, xa que o programa (que está en fase de desenvolvemento, condición indispensable para calquera programa da Web 2.0), require un indispensable pagamento por parte dos vendedores. En troques diso, contan co respaldo da que probablemente sexa a compañía pioneira do mundo no eido do comercio en liña e que contaría cos recursos precisos para sacarlles de enriba ós pequenos distribuidores algúns dos labores que lles son máis difíciles de asumir: empaquetar produtos e facelos chegar decontado á porta dos clientes.

PUBLICIDADE