Amazon Web Services abastecerase de enerxía a través dun gran parque eólico de seu

luns, 26 de xaneiro do 2015 Redacción

Amazon Web Services (AWS), división de servizos de Internet de Amazon, anunciou este luns a súa aposta decidida polas enerxías renovábeis, máis precisamente polas súas propias enerxías renovábeis. Así o fixo saber a compañía logo de asinar un acordo con Pattern Energy Group LP (Pattern Development) para construír e pór en marcha un parque eólico cunha forza de 150 megavatios (MW) no condado de Benton, Indiana, que dea subministro aos seus centros de datos na nube. O complexo, chamado Parque Eólico Amazon Web Services (Fowler Ridge), xerará uns 500.000 megavatios por hora de enerxía eólica ao ano. Para facérmonos unha idea do alcance disto, Amazon sinala que é equivalente á cantidade de enerxía que empregan no mesmo período 46.000 vivendas dos Estados Unidos.
A medida forma parte dunha estratexia de AWS a prol do medio ambiente que xa vén de longo. A través dela, deuse a coñecer en 2014 o compromiso da compañía de acadar o 100% de consumo de enerxía a través de fontes renovábeis para o seu tecido tecnolóxico global. “O Parque Eólico Amazon Web Services (Fowler Ridge)”, sinalou Jerry Hunter, vicepresidente de Infraestrutura en AWS, “proporcionará unha nova fonte de enerxía á rede eléctrica coa que actualmente operan un gran número de centros de datos en proceso de espallamento para apoiar nosa crecente base de clientes”. E engadiu: “Este acordo axuda a aumentar a enerxía renovábel utilizada para alimentar a nosa infraestrutura en EE.UU., e é unha das moitas actividades sustentábeis e proxectos de enerxía renovable para a alimentación dos nosos centros de datos que temos actualmente operativos”.

PUBLICIDADE