Álvaro Ordóñez (CiTIUS) gaña o premio á mellor tese de teledetección 2021
luns, 6 de marzo do 2023
Álvaro
Ordóñez, investigador egresado e colaborador do CiTIUS (centro de
Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago), recibiu este
venres 3 de marzo o Premio á Mellor Tese de Teledetección de 2021.
O galardón foille concedido no marco da sexta edición destas
relevantes distincións, que concede o capítulo español do
IEEE-GRSS (Sociedade de Xeociencia e Teledetección) do prestixioso
IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers), asociación
mundial de enxeñeiros dedicada á normalización e o desenvolvemento
en áreas técnicas. O xurado salientou “a calidade dos traballos
presentados”, destacando tamén que “supuxeron interesantes
achegas ao eido científico da computación, así como ao do sensado
remoto”.
En
palabras de Álvaro Ordóñez, “sempre é gratificante que
recoñezan o teu labor, e especialmente cando se trata dun premio á
túa tese, xa que se trata dun traballo de investigación de varios
anos”. O investigador reflexiona tamén sobre o valor do traballo
en equipo: “Vexo o premio como un recoñecemento non só a nivel
persoal, senón grupal, xa que nunha tese os directores teñen tamén
un papel importante, e ao final o premio é un indicador de que
estamos no bo camiño”.
A
tese de Álvaro Ordóñez, titulada Efficient Registration of
Multi and Hyperspectral Remote Sensing Images on GPU e dirixida
polos profesores da USC Dora Blanco (investigadora vinculada do
CiTIUS) e Francisco Argüello, abordou durante os últimos anos o
desenvolvemento de algoritmos eficientes para aliñar automaticamente
imaxes multi e hiperespectrais de teledetección.
Segundo
explican fontes da USC, a idea orixinal xurdiu “da necesidade de
dispoñer de algoritmos que permitisen aproveitar a gran cantidade de
información contida neste tipo de imaxes”. Deste xeito, tratábase
de desenvolver “ferramentas capaces de procesar a enorme cantidade
de datos que se captura diariamente sobre o noso planeta, tanto desde
satélites como desde UAVs (drons) ou avións”.
O
propio investigador premiado explicábao deste xeito: “Para sacar
partido de toda esa información, temos que aliñar imaxes tomadas en
distintas datas e desde distintas plataformas, en mancheas de
aplicacións... por exemplo, para realizar agricultura de precisión,
ou para observar a evolución de catástrofes naturais”. A
investigación realizada durante esta tese quedou plasmada na
publicación de diversos algoritmos que son quen de aproveitar a
información espectral e espacial para obter aliñamentos mellores e,
ademais, facelo nun tempo de computación moi reducido, grazas ás
implementacións paralelas realizadas en GPU de nVIDIA e clústers de
computación de altas prestacións.
O
acto de entrega dos premios celebrouse este venres 3 de marzo ao
longo dun evento online, no que os premiados fixeron unha
breve retrospectiva das súas carreiras académicas e liñas de
investigación.