Álvaro Gómez (UIE) participa nas xornadas hubNET enxalzando o incalculábel valor da IA e o Big Data

mércores, 22 de novembro do 2023 S. P.

As xornadas hubnet impulsadas Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa baixo o epígrafe Constrúe o teu futuro na era dixital contaron este martes 21 de novembro coa presenza de Álvaro Gómez, decano da Facultade de ADE e Dereito da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), quen puxo o foco na importancia futura que terán as tecnoloxías con capacidade de analizar información inxente e tomar decisións en base á súa análise. “Se a Revolución Industrial permitiunos superar as nosas limitacións físicas, a nova Revolución da Intelixencia Artificial permitiranos superar as nosas limitacións cognitivas”, dixo.
No seu relatorio, baixo o título A irrupción da Intelixencia Artificial nas empresas, o profesor da UIE fixo un repaso das tecnoloxías clave no avance da nova economía dixital. Entre elas, enumerou a 5G, co incremento de velocidade e de capacidade das redes para conectar máis dispositivos e transmitir un maior volume de datos; a Internet das Cousas, que permite un contexto no que todos os dispositivos están conectados e xerando datos; a cadea de bloques (Blockchain), que proporciona o rexistro seguro e inmutábel dos datos; ou a nube (cloud), co acceso aos datos en aplicacións na nube, que contribúen no seu conxunto a que teñamos os datos necesarios para alimentar a aprendizaxe profunda (Deep Learning) e a Intelixencia Artificial.
Álvaro Gómez asegurou que nesta nova economía “os datos xerados por nós mesmos son o novo ouro negro”. E neste sentido, explicou que estamos nunha nova era que xa foi acuñada como “a era do capitalismo de vixilancia masiva” ou a do “colonialismo dos datos” na que os datos son o poder, e de aí a espionaxe masiva a cargo de empresas tecnolóxicas ou os sistemas de vixilancia que empregan gobernos como o da China.
O profesor da UIE repasou como foi avanzando a Intelixencia Artificial nos últimos anos, ata o nacemento da IA Xenerativa, que “trae unha verdadeira revolución en todos os ámbitos, tamén nas empresas, nun cambio rapidísimo ao que non temos moito tempo para adaptarnos”.
Entre todos estes cambios, analizou en primeiro lugar os que afectan o emprego. “A IA Xenerativa ten o potencial de incrementar a produtividade moito máis rápido que outros descubrimentos tecnolóxicos”, explicou Álvaro Gómez, que engadiu que “imos cara a un mundo no que a maior parte do traballo farano as máquinas”. Por outra banda, apuntou a unha segunda repercusión, coa demanda de novos perfís laborais ligados ao desenvolvemento da Intelixencia Artificial e o xurdimento de novos profesionais apoderados como os prompt engineer.
O profesor da UIE tamén analizou a aplicación da IA ao desenvolvemento de novos produtos. Explicou que a análise dos datos dos consumidores está a permitir crear novas solucións á medida do gusto dos usuarios. Porén, subliñou como outros exemplos o impacto que a IA ten no deseño de novos fármacos, de novos materiais, ou a forma na que a aprendizaxe automática está a revolucionar o aproveitamento do coñecemento científico dispoñíbel grazas a sistemas que permiten revisar e extraer información de millóns de artigos científicos publicados.
Onda os avances que está a traer na investigación, citou tamén outros ámbitos con grandes transformacións grazas á aplicación da Intelixencia Artificial, entre eles o da programación, a selección de persoal ou os traballos creativos, áreas nas que a IA ábrese camiño nas empresas. “Vai ser imposíbel competir con toda esta tecnoloxía se non a incorporamos”, afirmou.
Analizando os riscos
Álvaro Gómez tamén abordou os riscos da Intelixencia Artificial, que, recoñeceu xeran gran inquietude e un intenso debate social. Así, lembrou as palabras de Stephen Hawking, que consideraba esta tecnoloxía como unha gran ameaza: “Os computadores superarán aos humanos grazas á IA nalgún momento dos próximos cen anos. Cando iso aconteza temos que asegurarnos de que os obxectivos dos computadores coincidan cos nosos”. “A posibilidade de autoaprendizaje da computación está a conducirnos a un momento de singularidade tecnolóxica no que unha IA capaz de automellorarse superará os límites do humano”, apuntou o experto.
Nesta materia, lembrou o desenvolvemento da primeira Lei da IA da Unión Europea, que pretende regular a Intelixencia Artificial para garantir mellores condicións de desenvolvemento e uso desta tecnoloxía. Nela, o lexislador define os sistemas de IA de risco inaceptábel, que se consideran unha ameaza para as persoas e serán prohibidos. Entre eles inclúense a manipulación cognitiva do comportamento de persoas ou grupos vulnerábeis específicos; a puntuación social, que implica a clasificación de persoas en función do seu comportamento, status socioeconómico ou características persoais; ou os sistemas de identificación biométrica en tempo real e a distancia, como o recoñecemento facial.

PUBLICIDADE