Alumnos e profesores do Colexio Fogar Afundación participan activamente no salón de impresión dixital C!Print

luns, 5 de outubro do 2015 Redacción

Abanca vén de dar a coñecer que o Colexio Fogar Afundación, unha iniciativa de formación profesional da entidade financeira galega, participará desde mañá e até o vindeiro 8 de outubro no Salón C!Print Impresión Dixital, Téxtil e Personalización, en palabras de Abanca unha xuntanza en Madrid “das máis destacadas empresas e recoñecidos profesionais no eido da creación e impresión dixital”. O centro educativo, que xa estivo presente na edición do ano pasado, foi convidado de novo a participar nesta experiencia. Nesta ocasión, como novidade, sete dos seus estudantes foron seleccionados para formar parte da organización.
Ademais, dous dos profesores do departamento de artes gráficas do Colexio Fogar, Ricardo Fernández Costas e Nuria Casal Fernández, pronunciarán tres relatorios durante o evento: Novos proxectos en formación, Impresión UV e Corte e gravado Láser. Unha combinación de éxito e Novas aplicacións e solucións de negocio coa tecnoloxía UV e de Impresión e Corte de Roland.
Na cita, como dixemos, xuntaranse empresas referentes no plano internacional no ámbito da fabricación de maquinaria de impresión dixital. Presentaranse todas as novidades do sector gráfico e os profesionais asistentes terán a oportunidade de ampliar a súa formación nas distintas conferencias e demostracións programadas. Segundo informan os profesores Nuria Casal e Ricardo Fernández, “Para o Colexio de Afundación esta experiencia resulta especialmente interesante xa que pon en valor a formación do noso alumnado, que estará a desenvolver traballos no espazo Plug & Play da propia feira e no stand dun dos colaboradores do centro formativo, Roland DG, o maior fabricante de plotters de impresión e corte a nivel internacional”.

PUBLICIDADE