Altofalantes Bluetooth con panel solar

mércores, 26 de maio do 2010 Marcus Fernández

Que teléfonos móbiles e reprodutores multimedia portátiles conten con conectividade Bluetooth facilita escoitar música no automóbil ou con auriculares sen fíos, pero tamén é posible empregar altofalantes Bluetooth, dos que destacamos os Solar Sound 2 de Devotec, que achega 2 W por canle, soporta os perfís A2DP e AVRCP, integra micrófono por se é preciso utilizalos coma mans libres nun momento puntual, incorpora un panel táctil para controla a nosa música remotamente e, a súa batería permítelle unhas 12 horas de autonomía continua por Bluetooth ou 36 horas de conectar a fonte do son por cable, aínda que o máis rechamante do trebello é que esta batería pode cargarse conectada a corrente ou por USB nunhas 4 horas ou mediante un panel solar durante unhas 12-24 horas.
O Solar Sound 2 mide 16,2 x 5,5 x 5,5 centímetros e pesa 280 gramos, polo que é bastante transportable, vendéndose nos EE.UU. por 99,99 dólares (81,15 euros) aínda que tamén é posible adquirirse en Europa por un prezo moi semellante.
Dende Engadget apuntan que estes altofalantes, con respecto ao seu modelo anterior, melloran a calidade do seu son e o seu rendemento enerxético.


Presentación en vídeo dos altofalantes Bluetooth de Devotec

PUBLICIDADE