Altia, elixida para desenvolver a plataforma da Bolsa Nacional de Emprego de Chile

martes, 26 de abril do 2016 Redacción

Tino Fernández, presidente da compañía galega Altia

A empresa Altia, especializada en servizos avanzados de alto valor engadido no sector TIC, vén de anunciar a sinatura dun contrato co Ministerio do Traballo e Previsión Social do Goberno de Chile, por valor de máis de 2,9 millóns de euros, para desenvolver o servizo de soporte informático que permita a administración da Bolsa Nacional de Emprego (BNE) do país andino. Emporiso, mediante a BNE o Goberno chileno achega prestacións ás persoas que perderon o seu traballo e favorece a procura de emprego ao permitir a oferta de vacantes laborais por parte de potenciais empregadores. Asemade, coa BNE certifícase a situación da persoa como desempregada e que está a buscar emprego de maneira activa.
Altia foi elixida para este cometido grazas á súa experiencia na introdución de solucións informáticas (para diferentes administracións públicas do noso país), relacionadas coa xestión da activación, inserción e intermediación laboral, determinantes á hora de conseguir a adxudicación deste contrato, un dos máis relevantes que a compañía asinou no eido internacional.
A finalidade deste contrato é realizar un novo desenvolvemento informático para a BNE e, mentres este non estea operativo, continuar coa administración da actual plataforma. Unha vez desenvolto o novo sistema informático, Altia ocuparase tamén da súa administración e mantemento.
Amais disto, o contrato prevé a posta en marcha dunha Mesa de Axuda para a actual e para a nova plataforma informática da BNE, así como a subministración, instalación, mantemento e albergue da súa infraestrutura tecnolóxica.
Outro aspecto que se prevé no servizo é o deseño, realización e execución dun plan de difusión que permita incrementar o número de empresas que publican as súas ofertas na BNE, así como a cifra de postulacións ás mesmas por parte dos demandantes.

PUBLICIDADE