Altia e a ETSE premian á nova investigadora Ainhoa Vivel

luns, 20 de febreiro do 2023 S. P.

A empresa tecnolóxica Altia e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC celebraron a cuarta edición do certame Altia Premia, unha iniciativa conxunta que busca incentivar e fomentar o talento tecnolóxico dos estudantes do Grao en Enxeñería Informática da Universidade de Santiago de Compostela. O Traballo de Fin de Grao (TFG) premiado este ano aborda o uso de técnicas de aprendizaxe automática con redes neurais na estimación da idade dental.
Nesta cuarta edición, o xurado concedeu o premio (dotado con 1.500 euros) a Ainhoa Vivel Couso polo seu TFG titulado AgeX: Explicación automática en linguaxe natural do cálculo da idade dental.
“Este premio é a proba de que o traballo e o esforzo sempre obteñen recompensa. O meu obxectivo con esta investigación é axudar a que o profesional poida comprender mellor as decisións tomadas pola Intelixencia Artificial, contribuíndo a eliminar a desconfianza nos sistemas e a aversión para utilizalos, especialmente en ámbitos de alto risco para as persoas como é a medicina. Por iso, agradezo profundamente esta distinción por parte do xurado e de Altia”, comentou a gañadora.
Josefina Fernández, directora de Operacións en Altia e membro do xurado, resaltou a importancia de recoñecer o talento novo: “Os estudantes de hoxe son os profesionais do mañá. A ilusión e a motivación que demostran é excepcional e temos o deber de incentivar as ideas innovadoras. Eles poñen a paixón, nós os medios”.
Pola súa banda, Juan C. Pichel, coordinador do Grao en Enxeñería Informática da USC, e tamén membro do xurado, sumouse ás palabras de Josefina sinalando a preparación que teñen os mozos hoxe en día: “As universidades son centros de coñecemento que forman aos futuros expertos e, como profesor, podo confirmar o gran nivel que hai nas aulas. Para min é un orgullo ser parte deste xurado e poder referendar o traballo destes estudantes, que son quen definirá a sociedade o día de mañá”.
Esta iniciativa forma parte do compromiso e aposta de Altia por potenciar o talento no sector tecnolóxico e ser un actor crave na modernización e dixitalización do ecosistema empresarial de Galicia.

PUBLICIDADE