Alta participación no servizo da Deputación de Lugo para permitir o labor telemático nos concellos

martes, 14 de abril do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo vén de facer balance do seu servizo gratuíto de cooperación cos concellos que impulsou con motivo do COVID-19 para achegarlles asistencia técnica, asesoramento e colaboración con vistas ao desenvolvemento telemático de plenos, xuntas de goberno e órganos colexiados. Segundo informou a Deputación, o servizo está a ter moi boa acollida.
“Dende o día que demos a coñecer esta prestación, hai pouco máis dunha semana, xa percibimos interese por esta iniciativa que facilita a xestión municipal na actual situación de crise sanitaria”, subliñou a Deputación, engadindo que concellos como o de Xermade xa fixaron estes días a celebración dun leno de maneira telemática co soporte técnico da entidade provincial e outros, como os de Burela, Foz ou Lugo, puxéronse en contacto co servizo provincial de Novas Tecnoloxías para pedir asesoramento e información e para resolver dúbidas.
Con esta iniciativa, a Deputación continúa adoptando as decisións ao seu alcance para cooperar coas administracións locais na loita para paliar os efectos da crise sanitaria, axudándolles a que podan seguir traballando, “coa maior normalidade posíbel”, en todos aqueles trámites que teñen como obxectivo a mellor atención á veciñanza.
O soporte técnico ofrecido pola Deputación permite ós concellos que poidan continuar celebrando en condicións de seguridade e eficacia todas aquelas sesións de órganos colexiados que resultan importantes ou mesmo imprescindíbeis para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas que inciden no benestar da cidadanía e no impulso da actividade económica do municipio.
Este novo servizo gratuíto de cooperación cos concellos funciona baixo demanda a través do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación. Opera a través dunha aplicación de videoconferencias na Rede que permite conexións entre todo tipo de dispositivos (ordenadores de sobremesa e portátiles, teléfonos móbiles ou tabletas).
O servizo de Novas Tecnoloxías estuda a particularidade de cada consistorio solicitante e recoméndalle a solución tecnolóxica máis acorde coas súas características e medios. Ofértanse varias opcións de colaboración, dende só asesoramento ata facer un seguimento de toda a sesión e a retransmisión por streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

PUBLICIDADE