Aloumiños ofrece dende Carballo un curso online de comunicación aumentativa
venres, 8 de xaneiro do 2021
A
Asociación Aloumiños, con sede en Carballo, vai comezar este 2021
cunha acción formativa que pon de manifesto a importancia crecente
das novas ferramentas para fomentar a inclusión. Trátase
do curso Comunicación aumentativa e alternativa con alta
tecnoloxía, impartido pola logopeda Tatiana Suárez,
especialista en tecnoloxías aumentativas e alternativas da
comunicación (comunicadores portátiles, programas informáticos,
premedores, teclados virtuais, etc).
A
actividade, prevista para o 6 de febreiro en modalidade online (a
través de Zoom e en horario de mañá e de tarde), está concibida
especialmente para profesionais da docencia, terapeutas e estudantes.
O curso conta coa colaboración do Concello de Carballo.
Segundo
apuntan dende a organización, a orixe deste curso está nunha das
das grandes conclusións que podemos extraer da pandemia e das súas
consecuencias: a importancia crecente dos sistemas e das ferramentas
que botan abaixo o noso xeito de comunicarnos e de estar no mundo.
“Para que as actividades diarias non se vexan afectadas, tanto nos
adultos como no caso dos máis pequenos, existen múltiples opcións
para comunicarse, todas correctas e marabillosas”, explican dende a
dita asociación, engadindo que a tecnoloxía ofrece un mundo de
“coñecementos e ferramentas de gran utilidade, tamén, para as
nenas e nenos con problemas de comunicación”.