Allariz achega á veciñanza á creación dixital con Blender

martes, 13 de setembro do 2016 Redacción

A Casa da Mocidade de Allariz vai acoller novamente (logo das achegas de verán do ano pasado) un curso de introdución á edición de vídeo con Blender. O programa informático Blender é, como lembraremos, unha ferramenta para todo tipo de plataformas especialmente indicada para o modelado, a iluminación, a animación e a creación de gráficos en 3D, videoxogos ou pezas audiovisuais.
A través desta actividade formativa, o Concello quere achegar coñecementos para editar con Blender (de “maneira doada e amena”) todo tipo de traballos dixitais, como por exemplo clips de vídeo a partir de gravacións feitas con cámaras ou con dispositivos móbiles. Trátase, informan os organizadores, dun recurso moi acaído para xerar (e subir á Rede) películas feitas con fotografías encadeadas, música, voces e efectos de son.
Os participantes no curso tamén aprenderán a botar man de textos e overlays para facer cabeceiras e títulos de crédito para presentaren proxectos, amais de engadir transicións e efectos, “converténdose en directoras/es de cinema e botando man de metodoloxías para dar sentido ás súas películas aplicando sinxelos conceptos de linguaxe audiovisual”. Para máis información, cómpre chamar ao teléfono 615 39 58 71 ou contactar cos organizadores a través do correo animacion3d@allariz.com

PUBLICIDADE