Algunhas das vellas tarifas Fusión suben de prezo

luns, 4 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Movistar leva meses reestruturando as súas tarifas Fusión, sendo o último cambio importante a integración de Netflix na súa oferta, e para levar aos seus clientes actuais a realizar o cambio de tarifa subirán a partires de mañá de prezo as tarifas converxentes máis completas en 5 euros, mentres que Movistar Fusión 0 e Movistar Fusión Series manterán a súa cota mensual.
As modalidades de Fusión que incrementan o seu prezo non están dispoñibles para novas altas dende o pasado 22 de outubro, polo que semella que a suba de prezos busca incitar aos clientes actuais a adaptarse á oferta actual da compañía, contratando unha tarifa actual que se axuste mellor ás súas necesidades.
As tarifas de Movistar tamén están a experimentar subas no establecemento de chamada (de 30 a 40 céntimos) e nas mensaxes de texto (de 25 a 30 céntimos), aínda que estas cotas teñen un impacto bastante reducido, xa que a meirande parte das tarifas contratadas inclúen chamadas e as mensaxes de texto cada vez teñen un uso máis residual.

PUBLICIDADE