Alexa permite manter conversas grupais cos altofalantes conectados no fogar

luns, 1 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Os dispositivos que integran o asistente Alexa teñen unha funcionalidade opcional que permite conectar instantaneamente con eles de xeito automático, coma se fosen un intercomunicador, facilitando así a realización de conversas bidireccionais dende dispositivos con Alexa ou a través da aplicación móbil do asistente. Deste xeito, ao dicir «llama con Drop In al salón» podemos iniciar unha conversa cun trebello determinado, pero entre as últimas novidades de Alexa xorde unha mellora desta funcionalidade que pode resultar moi práctica en certos fogares, de xeito que é posible facer Drop In con todos os dispositivos de vez, ou sexa, que facilita a realización de conversas grupais, para o que chega con dicirlle a Alexa «llama con Drop In a todas partes».
Esta nova funcionalidade permite así manter unha conversa a través de todos os altofalantes con Alexa no fogar, o que resulta práctico para consultar algo con todos os integrantes do fogar e, na mesma liña, tamén activaron (polo momento en EE.UU.) a posibilidade de programar recordatorios en todos os dispositivos á vez.

PUBLICIDADE