Alcatraz presenta novos servizos para o cumprimento das normativas sobre a protección de datos

xoves, 15 de marzo do 2012 Redacción

Alcatraz Solucións, empresa galega especializada en cumprimento normativo e máis en protección do coñecemento, está a presentar estes días unha serie de novidades. E faino con nova imaxe corporativa, cun acabado de estrear Programa de Canle, con solucións e servizos para consolidar e incrementar a comunidade de partners, cunha plataforma para a xestión chamada Panel de Control que optimiza o traballo cos compañeiros de negocio e cun avance dos cambios lexislativos que virán da man da nova directiva europea en materia de salvagarda da información.
Respecto á nova imaxe corporativa, dicir que LOPDGEST, nome da marca de produtos co que se coñece a Alcatraz, pasa a ser unicamente o identificativo da súa liña de negocio estrela: a gama LOPDGEST de servizos dirixidos en boa medida a axudar a empresas a cumprir coa lexislación vixente sobre seguridade da información persoal. Esta marca convértese en Alcatraz Solutions, cunha serie de cambios que pretenden ir alén da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD), achegando un “amplo catálogo de solucións e servizos ideado para chegar a un mercado potencial que en España acada os 1.300 millóns de euros neste ano 2012”.
No que atinxe ao novo Programa de Canle, dicir que ten como principal elemento clave “a especialización dos seus socios de negocio, unha comunidade de cincocentas firmas e profesionais e que se espera chegue a 750 con este ano”. Co obxectivo de facilitar as operacións con estes partners, Alcatraz desenvolveu unha plataforma de xestión (Panel de Control) dende a que cada socio poderá xestionar o seu día a día en todo tipo de procesos (xestionar os seus usuarios, facer pedidos e levar o seu seguimento, facturas) así como acceder ao abano de servizos de Alcatraz (inscrición en cursos, xestión da axenda, consultar produtos, acceder á area de comunicación, ver notas de prensa, etc).
A maiores, a empresa galega pon en marcha novas liñas para completar a súa oferta de asesoramento e formación, como AUDITGEST, unha solución para facer auditorías de verificación de cumprimento sobre as normativas acerca dos datos que ademais leva asociado un seguro de protección de datos. Grazas a este servizo, informa a empresa galega, “os clientes estarán protexidos das sancións ou gastos de defensa derivados dunha inspección da Axencia Española de Protección de Datos, unhas sancións que poden chegar nestes intres aos 600.000 euros de multa e que se espera, coa entrada en vigor da nova Directiva Europea, poidan chegar ao millón de euros”. Outra das novas liñas abertas por Alcatraz, dentro do seu eido formativo, é CAMPUSGEST, catálogo de formación a distancia, e-learning, con máis de 25 cursos das disciplinas profesionais máis demandadas e que contan co apoio da Fundación Tripartita.

PUBLICIDADE