Alcatel-Lucent confirma o potencial de referente europeo da rede 4G de Telefónica

venres, 6 de setembro do 2013 Redacción

Tal e como avanzamos os días pasados, Telefónica ten postos tódolos recursos para acadar a rede 4G máis completa de Europa, contando para este traballo coas achegas de Ericsson e Alcatel-Lucent, compañías encargadas do despregamento da dita infraestrutura de banda larga móbil de alta velocidade, máis polo miúdo de tecnoloxía LTE (Long Term Evolution, tecnoloxía 4G baseada en GSM/EDGE e UMTS/HSPA). Segundo sinalou de xeito complementario a segunda das ditas empresas, Alcatel-Lucent, o acordo co operador español é o de meirande envergadura dos que mantén en Europa, cousa que non faría máis que confirmar o longo alcance do proxecto da compañía española.
Así o fixo saber tamén Luís Miguel Gilpérez, presidente de Telefónica España, no Encontro de Telecomunicación da UIMP en Santander, onde avanzou que a partir de outubro chegarán as novas conexións LTE ofrecidas por Movistar a Madrid, Barcelona, Málaga e Valencia, elixidas para esta achega de infraestrutura e servizo xunto a Sevilla e Alacante (estas dúas baixo a rede do seu colaborador no 4G, Yoigo). Volvendo ás declaracións de Alcatel-Lucent España, dicir que foron achegadas por Roque Lozano, presidente da división estatal, quen confirmou que o despregue acadará as 8.000 estacións base de LTE, sen especificar en datas cando se chegará a esta cifra. A empresa tamén sinalou que logo dos espazos urbanos devanditos, o seguinte paso será acometer as cidades que teñan unha poboación maior de 100.000 habitantes. Lozano incidiu igualmente no que significa para a súa empresa a colaboración con Telefónica: "Estamos entusiasmados de poder traballar con Telefónica na súa rede 4G LTE e estamos preparados para explorar o uso doutras tecnoloxías como as celas pequenas para mellorar a cobertura en calquera intre, lugar e dispositivo nun marco de colaboración máis amplo", explicou.

PUBLICIDADE