Alcampo porá máis de 10.000 artigos á venda na súa tenda-web

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Para quen estea até as cellas das fileiras, dos balbordos e das multitudes das grandes superficies (cousa propia das datas de Nadal e aínda máis propias das que se nos veñen enriba: as das rebaixas), probablemente sexa unha alternativa saudable levar a cabo as súas compras na Rede. O problema, claro está, é que até agora o número de tendas e de servizos que ofrecían os seus produtos na Rede en igualdade de condicións non era moi abondoso, pero a cousa semella ir cambiando.
Unha das empresas que quere tomar a dianteira é Alcampo, que a través do seu portal web vén de pór en marcha un servizo de venda en liña onde dispón os mesmos prezos para os seus produtos ca nas súas sedes físicas, e coa vantaxe de que non teremos que meternos nun dos moitos e variados atascos que adobían estes días as cidades nin andar rabuñando o coche polos parkings. O problema, coma sempre, é que se trata dunha experiencia en desenvolvemento, e até o de agora só se pode mercar virtualmente na Comunidade de Madrid.
Alcampo ten na súa previsión ir espallando este novo xeito de comunicación cos seus clientes ao longo deste ano que comeza.
Segundo informa Europa Press, a empresa asegurará unha oferta de máis de 10.000 artigos de alimentación, droguería e perfumería na súa web, servizo que tamén inclúe a novidade (fronte aos competidores) de facilitar dous xeitos de facer chegar a compra ás mans do consumidores: pódese recibir a compra en casa ou ben ir a procurala ao aparcamento de Alcampo onde o seu persoal se encargará directamente da carga. O pago cómpre levalo a cabo coa tarxeta Alcampo ou outras tarxetas de crédito e débito.

PUBLICIDADE