Akademia Project recruta estudantes de últimos cursos con espírito innovador

luns, 21 de setembro do 2015 Redacción

A Universidade de Santiago e a Fundación Innovación Bankinter están a presentar a sétima entrega de Akademia Project, un curso destinado (nas súas palabras) a estimular a actitude innovadora e espetar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades. O curso, que abrangue formativamente os elementos propios dun proceso completo de innovación (contando co asesoramento de emprendedores, adestradores e captadores de investimentos), inclúe no seu programa unha aproximación ás tendencias actuais da innovación e os seus detalles clave. Ao rematar, os participantes poderán realizar prácticas en empresas estatais e internacionais que apostan pola innovación.
Akademia Project, unha iniciativa de balde, diríxese a estudantes de últimos cursos de calquera titulación universitaria que concorreran en doce sesións ao longo de todo o ano académico, catro delas reservadas para que o alumnado desenvolva un proxecto emprendedor que será presentado na sesión de clausura perante un xurado formado por expertos, emprendedores e potenciais inversores.
Por certo que o día 6 de outubro, ás 12.00 horas no salón de graos da Facultade de Farmacia, está prevista unha sesión de presentación para todo o alumnado interesado.
O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE).
Os/as participantes aprenderán “dun xeito colaborativo e moi participativo” a partir dunha metodoloxía innovadora análoga á empregada polas mellores escolas de negocio do mundo, explican dende a Universidade de Santiago, que engaden que do 93% do alumnado que ten pasado en edicións anteriores por esta convocatoria, algo máis de 1.000 universitarios e universitarias de titulacións diversas, recomendan esta iniciativa, “salientando que Akademia lles ofrece ferramentas, conceptos e técnicas enfocadas á innovación con independencia da rama de procedencia das persoas interesadas”.

PUBLICIDADE