Agricultura complementa con tres roteiros galegos a aplicación Camiños Naturais

mércores, 20 de xullo do 2016 Redacción

Claustro do Mosteiro de Santa Cristina na Ribeira Sacra

O Goberno central, a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, incluíu 14 novos roteiros na súa ferramenta para dispositivos intelixentes e tabletas Camiños Naturais. Trátase dunha guía de campo interactiva que achega, entre outras cousas, recursos de realidade aumentada. Na nova lista de itinerarios fornecida achéganse tres traxectos naturais galegos: o treito Ribadeo-Praia das Catedrais, a ruta Camiño Natural do río Barbantiño e a da Ribeira Sacra (entre o Parador do Sil e o Mosteiro de Santa Cristina).
Como lembraremos, a aplicación Camiños Naturais inclúe unha ferramenta de realidade aumentada, a través da cal os usuarios poden situarse en lugares concretos dos itinerarios. Igualmente ten capacidade para filtrar, segundo as súas preferencias, os puntos de maior interese ao longo do percorrido, á vez que recadamos información dos mesmos.
Segundo engade o Ministerio, cada un dos roteiros conta cunha descrición exhaustiva da contorna pola que discorren, datos prácticos, mapas do itinerario e información detallada dos principais puntos de interese que o usuario pode atopar na contorna. Segundo informa o Ministerio no catálogo de novidades, incorporouse cos novos roteiros información sobre a avifauna das paraxes polas que discorren aqueles. Ademais, engadiuse información dos Paradores e Parques Nacionais próximos aos itinerarios, así como ligazóns web con datos das restantes rutas que integran a Rede de Camiños Naturais.
Estas achegas compleméntanse, na páxina web do Ministerio, con 14 novas visitas virtuais que se engaden ás xa existentes. Trátase de ferramentas que posibilitan a observación dalgúns dos puntos máis significativos dos itinerarios, con fotografías panorámicas de 360º.

PUBLICIDADE