AGESTIC propón a creación dun departamento único con plenas competencias nas TIC e Internet

luns, 13 de abril do 2009 Raquel Noya

O presidente de AGESTIC, José María López Bourio, no curso da presentación da Fundación Tecnología Social, dedicada á inclusión de persoas con discapacidade nas TIC, manifestou que a súa organización lle vai esixir ao novo goberno da Xunta de Galicia, contar cunha única Dirección Xeral con plenas competencias na Sociedade da Información, infraestructuras, cidadanía dixital, e-administración, telecentros…, reunínodoas nun único organismo que “fixe o rumbo coa colaboración e a opinión do sector”.
Neste senso, López Bourio tamén anunciou a intención da asociación que preside de conseguir a universalización do servizo de acceso a Internet de alta velocidade en toda a xeografía galega, esixindo así o cumprimento das disposicións do PEBA canto antes.
Por último, o presidente de AGESTIC fixo pública a súa vontade de reclamarlle ao goberno de Feijoo, “o estímulo da demanda en torno a Internet e ás tecnoloxías da información”, é dicir, o desenvolvemento de campañas de información no uso das novas tecnoloxías dirixidas á cidadanía en xeral e aos pequenos empresarios en particular, “como unha resposta eficaz ante a crise”.
José María López Bourio insistiu en que o novo Goberno da Xunta de Galicia (que toma posesión nestes días) “ten a obriga de considerar o uso das TIC como un dereito xeralizado e poñelo na primeira fila dos seus obxectivos prioritarios”.

PUBLICIDADE