Afundación presenta o novo deseño da súa plataforma de contido audiovisual

luns, 15 de novembro do 2021 S. P.

Afundación presentou este 15 de novembro a nova web de Afundación TV, unha remodelación da plataforma audiovisual da entidade pertencente á Obra Social de Abanca que destaca polos esforzos despregados en deseño (con amplas marxes de interacción e accesibilidade) e en contidos (combinando a emisión de audiovisuais cun catálogo de elementos que abrangue máis de 300 recursos dispoñíbeis, incluídas importantes novidades en educación, cultura, envellecemento activo, medio ambiente e sustentabilidade, que son os piares temáticos de Afundación TV).
A nova Afundación TV mestura polo tanto a emisión lineal (24 horas, 7 días á semana) cun amplo abano de contidos gratuítos baixo demanda e unha variada programación de eventos en directo. Amais, ofrece a posibilidade de acceder á emisión continua de audiovisuais sen necesidade de inscrición ou de rexistro. “Trátase dunha emisión lineal, como a emisión televisiva tradicional, e un xeito moi sinxelo de achegarse aos contidos de Afundación”, explican dende a Obra Social de Abanca, engadindo que a nova páxina tamén ofrece a posibilidade de crear unha conta persoal mediante a que acceder a outras vantaxes:
• A posibilidade de acceder ao catálogo de contidos á carta que conta con máis de 300 recursos coma cursos, conferencias, sesións prácticas, series, obradoiros, etc., clasificados nas categorías de Arte e exposicións, Artes escénicas e musicais, Ciencia e medio ambiente, Educación, IESIDE sen muros, Saúde e benestar e Institucional.
• A posibilidade de inscribirnos nos eventos en directo, como conferencias ou concertos, e gardalos no calendario persoal, así como de interactuar en directo cos protagonistas mediante un chat.
• O acceso á área persoal A miña biblioteca, deseñada para gardar e acceder facilmente os contidos que os usuarios desexen, tanto se son contidos á carta como se son eventos en directo programados a futuro.
• A posibilidade de valorar ou compartir os contidos.

PUBLICIDADE