Afiánzase un novo tipo de actividade laboral: o traballo lonxe do traballo

martes, 24 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Sabíamos que o teletraballo lle gustaba aos empregados, pero non o tiñamos tan claro con respecto aos seus xefes. Con todo, hai estudos como o presentado estes días por Enter na sede de IE Business School de Madrid que sinalan precisamente cara a ese punto: cara a unha meirande aceptación das tarefas laborais feitas a distancia (grazas ás novas tecnoloxías) entre todos os ámbitos da empresa en xeral, non só entre os máis directamente implicados. Esta nova cultura do traballo, oposta diametralmente á aínda vixente estrutura empresarial interna de empregados á vista e no seu sitio, cobra pulo grazas precisamente ao desenvolvemento das redes e dos servizos da telefonía móbil. Segundo a investigación devandita, preto dun 30% dos traballadores das compañías españolas avaliadas leva a cabo este tipo de achegas a distancia. Asemade, un 42% dos mesmos reuniría todas as condicións precisas e necesarias para adherirse a esta nova vaga de contribución laboral.
Ou sexa: que pola natureza da súa actividade dentro da compañía non hai nada no plano teórico que lles impida que esta se faga dende o fogar, un local público ou as sedes ou domicilios dos seus clientes.
O estudo de Enter tamén subministra unha relación de todas as vantaxes (expectativas) que para o traballador medio que non teletraballa tería o feito de facelo: por orde de importancia, a mellora na conciliación traballo-familia dos empregados, o medre da produtividade e a mellora da satisfacción laboral.
Entre as conclusións da investigación tamén atopamos datos sobre o traballo virtual, o que se leva a cabo con outros membros da organización de xeito non presencial, ben a través do teléfono, fax ou correo electrónico e, en xeral, de outras tecnoloxías. Segundo os enquisados no estudo, apostando por este tipo de actividade laboral melloran moito os procesos de traballo, o medre da produtividade e as posibilidades de levar a cabo unha tarefa en equipo.
Polo que respecta ao futuro desta modalidade laboral nas organizacións, as empresas enquisadas aseguraron seguir desenvolvendo estratexias a prol do afianzamento das prácticas de traballo virtual e teletraballo, así como incrementar o número de persoas que participen nelas.

PUBLICIDADE