Afiánzase un novo tipo de especulación: o rexistro de dominios con nomes de sona

martes, 13 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Cando tecleabamos hai un ano na barra de navegación “www.barrapunto.es” no canto de “www.barrapunto.com” estivemos a caer (unha, dúas, tres veces) nas redes de certo tipo de especuladores de hoxe en día: os que se dedican a rexistrar dominios de marcas ou de vilas ou mesmo de persoas con vistas a vendelos logo a quen se interese por eles, normalmente as empresas, institucións ou persoas aludidas. É dicir: non só se especula hoxe en día co solo real, ese que serve de alicerce físico ás nosas vidas, senón tamén co solo virtual, co fin de obter os máximos beneficios a costa do despiste ou da tardanza dos demais.
Ou sexa, que se da noite á mañá conseguimos facernos famosos por calquera motivo (porque cantamos ben, porque escribimos un bo libro ou porque desenvolvemos unha vacina para unha doenza), non deberemos estrañarnos se máis adiante queremos abrir un espazo na Rede co noso nome e descubrimos que está collido. Nel poderán falar ou non de nós, pero o caso é que o anzol está botado, e en moitas ocasión non teremos máis remedio que loitar por el e/ou mercalo. E o negocio non para de medrar.
Así están as cousas: a especulación de dominios e a usurpación estase a converter nun negocio ben lucrativo e no mundo non falta (nin faltou nin faltará) xente que faga caixa con iso.
Así, e falando de cifras, segundo apunta a Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI), a industria da ocupación dos dominios implica xa a decenas de milleiros de enderezos, que cambian de mans todos os meses, rexistrándose o ano pasado até 1.823 denuncias por labores de especulación web, o que significa un incremento do 25% con respecto a 2005.
Segundo engade o devandito departamento da ONU nun comunicado, os especuladores son xente que está ó día do que pasa no mundo e, máis concretamente, do que pasa na Sociedade da Información. É dicir: o perfil do usurpador de dominios é o dunha persoa que procura decote mover ficha antes cós demais, adiantándose ós acontecementos. Se hai unha empresa, persoa ou organización que xorda no real antes ca no virtual, é probable que o especulador se adiante e ocupe o espazo que teoricamente lle corresponde ós outros.
Mesmo hai outra variante: a de acaparar tódolos nomes de dominio que soan e se escriben de xeito semellante a un sitio web de éxito. Un exemplo claro disto é o que acontece co buscador Google e que podemos ver na imaxe: unha especie de réplica relativamente ben deseñada e de nome Googe (na que que é doado caer se temos os dedos ríxidos). Calquera pode facer a proba, baixo o seu propio risco (o normal é que estas páxinas usen trucos para que non poidas saír delas así como así: deixan lastre), cambiando lixeiramente a orde das letras. Co servizo da comunidade de fotógrafos en liña Flickr ocorre o mesmo, e que dicir das múltiples variacións que existen rexistradas arredor de YouTube e que se aproveitan dos erros de escritura que podamos cometer os que non nos defendemos ben redactando en inglés.
Outro exemplo moi comentado estes días é o do Tamiflu, que é a medicina que a industria farmacéutica deste mundo (se cadra cun aquel de espírito especulador que finalmente vólvese na súa contra) quere promover como o remedio para a gripe aviaria. Segundo informa a OMPI, o ano pasado rexistráronse 34 denuncias do grupo Roche, o fabricante suízo do fármaco, pola usurpación con enderezos da seguinte índole: “tamiflu.net” ou “tamiflu-vaccine.com”.
Polo que respecta ás cifras totais de dominios denunciados, o organismo da ONU sinala que dende o ano 2000 (data na que comezou a súa andaina mediando neste tipo de litixios web), rexistrou un total de 10.000 denuncias, das que 2.000 foron solucionadas de xeito amigable. O problema real está nas restantes, malia que o normal é que gañen os demandantes, pero é que moitas veces é inevitable a compra do dominio, e o esforzo xa paga a pena. Sexa como sexa, hai unha pauta que semella repetirse ó milímetro e con moi pequenas variacións: a maioría dos demandantes son cidadáns, empresas ou institucións de países desenvolvidos.
Recentemente, Telecinco publicou na web un interesante artigo sobre a cuestión en España e sobre as manobras cun aquel de ilegalidade de certa empresa encargada de rexistros.

PUBLICIDADE