Aerocamaras mostra en DIC Galicia como axudar nos cultivos con drons

venres, 25 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Desde onte e até este sábado 26 de maio, estase a celebrar a segunda entrega do Congreso Internacional de Drons de Galicia, que acubilla no seu programa 20 mesas redondas e relatorios e no que participan os máis importantes especialistas estatais e internacionais nas tecnoloxías que acompañan e fan posíbel os voos non tripulados. Entre as empresas con presenza en DIC Galicia atópanse Aerocamaras, que acode como relatora experta en aplicacións de drons en agricultura. Na cita, que vén da man do COGITT-AGGETT (Colexio Oficial e Asociación Galega de Graduados Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións), Aerocamaras mostra as posibilidades dos drons para mellorar as explotacións agrícolas e gandeiras e protexer o noso medio.
José Daniel Ramos, de Aerocamaras, lembrou que hoxe é posíbel “usar os drons para previr doenzas ou pragas nos cultivos, zonas agrícolas e forestais, realizando a teledetección mediante fotografías aéreas, feitas con vehículos aéreos non tripulados”.
Segundo fixo saber, a través das imaxes de precisión e os datos xerados por estas tecnoloxías aéreas, e mediante unha plataforma personalizada, obtéñense ortofotos, MDT, MDS e nubes de puntos grazas ás que se poden localizar as zonas afectadas polas doenzas ou as pragas e, logo, mediante o emprego do dron Agras MG-1S, “tratar a área con meirande precisión mediante unha pulverización de microgotas”.
Aerocamaras tamén expuxo as vantaxes do emprego de aparellos aéreos fronte a métodos tradicionais, entre as que se inclúen a “redución de tempo e de custos en man de obra” e máis a posibilidade de cubrir zonas remotas de difícil acceso e minimizar os cultivos danados.
Ademais, Aerocamaras realizará este sábado ás 17 horas unha serie de demostracións con diferentes tipos de drons, como o Agras MG-1S ou o Matrice 600 Prol, mediante os que mostrará como se realiza unha planificación de voo multiespectral sobre viñedos para a obtención de fotografías. Logo, botando man do Agras, farase unha demostración de pulverización sobre as supostas zonas afectadas. Posteriormente, realizarase unha exposición estática do dron híbrido da empresa galega con catro horas de autonomía, e máis do Safedrone, con novos sensores fabricados por Aerocamaras.

PUBLICIDADE