Aerocamaras lanza un completo software de xestión para a industria dos UAV

luns, 24 de xaneiro do 2022 S. P.

Aerocamaras, empresa galega centrada na formación, no deseño e a construción de drons, vén de desenvolver un software pioneiro de xestión aeronáutica á medida das necesidades da industria UAV (vehículos aéreos non tripulados polas súas siglas en inglés). Trátase de AERONET, unha plataforma que aspira á dirección integral dos procesos e a adopción global deste tipo de aparellos, tanto por parte de pemes como polas grandes operadoras que operan con esta tecnoloxía.
Esta nova ferramenta permite xestionar operacións, pilotos, aeronaves, autorizacións de misións, seguros, documentación da operadora, mantemento de drons ou o inventario da empresa, entre outras funcionalidades, todo dentro dun repositorio de arquivos na nube.
Aerocamaras engade que se trata dunha solución holística de xestión cun amplo abano de posibilidades (conectividade, seguimento, monitoraxe, rastrexabilidade dos datos), que chega ao mercado “para converterse nun elemento imprescindíbel dentro do equipamento dos profesionais especializados, como a plataforma aérea ou a sensórica embarcada”. En última instancia, engade a empresa galega, todas as funcionalidades comparten o obxectivo de “repercutir directamente nunha mellora da toma de decisións comerciais e a optimización de custos e tempo”.
O lanzamento de AERONET, explican dende Aerocamaras, “está especificamente deseñado para aumentar a produtividade, reducindo con moita marxe o tempo requirido para planificar con alta calidade as fases de pre-voo e post-voo”. Con ela, “os usuarios poderán consultar o estado das súas aeronaves en tempo real, xestionar a misión a nivel documental e operativo, así como resolver calquera outra incidencia con axilidade e rapidez”.
AERONET, a través dunha usabilidade sinxela e intuitiva, ofrece unha contorna segura para aumentar a capacidade de organización dos operadores de drons. “Ao tratarse dun sistema dinámico e en constante interacción cos usuarios da plataforma, Aerocamaras pretende engadir módulos de actualización con novas funcionalidades proximamente, así como migrar á contorna das aplicacións móbiles”, engade a firma aeronáutica.

PUBLICIDADE